info@cecubogroup.com      +34 981 10 41 36

Apoiado en Denis de Rougemont e seguindo aos primeiros federalistas galegos, Ramón Piñeiro e Ramón Lugrís, o autor presenta a vía federal como a única posible para unha Europa post-nacionalista, para unha Europa que aspire a construirse dende o respecto polos diferentes pobos que a compoñen, a unirse sobre a solidariedade entre as rexións e que se negue a seguir tutelada pola forza dos países centrais, unha Europa que queira sosterse sobre a diversidade cultural que a constitúe e non permanecer uniformada co corsé do máis voraz mercantilismo.

Franco Grande recupera os principios do suizo Denis de Rougemont e enlázaos, como decimos, cos de Piñeiro, a quen defende fronte aos que, acusándoo de reducir o galeguismo a cultura, a simple reivindicación cultural, veñen facendo del algo semellante a un traidor á gran causa (esas vellas liortas do nacionalismo!). Con Piñeiro e Lugrís, Franco Grande defende a identidade cultural de Galicia, pero non para afastala e illala, senón como parte da gran cultura europea, coa que se mantivo comunicada e da que se foi nutrindo, esa gran cultura que deberá compor ou coa que se deberán estructurar os alicerces dun federalismo entendido como o gran proxecto convivencial do século XXI, o mesmo que Denis de Rougemont resumiu dende as turbulencias tráxicas do século XX en seis principios, percorridos todos eles polo respecto ás minorías, a solidariedade e a creba de toda vontade de hexemonía.

O federalismo, «civismo no seu máximo esplendor», segundo o autor; é, pois, o fío co que teremos que coser a nova politica que os tempos, tamén novos, nos esixen, unha política que Franco Grande, de xeito case programático, esquematiza en varios puntos de necesario cumprimento, puntos basais sen os que calquera constución pode resultar dramaticamente feble, algúns relativos a actitudes xerais, a prácticas civicas, e outros máis apegados á realidade concreta e organizativa do Estado. Así, fala de concordia e de dignificar a política, de civilizar a España (a esa España que se ergue, castiza, sobre as diferencias para aplastalas co peso de caducas ínfulas imperiais), de descodificar os medios de comunicación (convertidos agora en armas de manipulación masiva), de fortalecer o Estado, de desterrar para sempre toda idea de tutela, de potenciar a vida local (parroquia, comarca: o poder dende abaixo), de eliminar as provincias e as deputacións… En fin, medidas para saír do marasmo e organizar unha convivencia civil sen víctimas.

«O federalismo é o único sistema político que pode potenciar algúns aspectos da nosa realidade integral», di o autor. O Federalismo como unión en igualdade do diverso. Unha España federal composta por Estados autónomos e non tutelados nin expostos a intromisións reordenadoras. Unha Europa Federal sen cordenadas victoriosas. Sen medo.

es_ESES